A Delegación de Vigo do COAG acollerá na súa sede (rúa Doutor Cadaval, 5) a preestrea do concerto ‘Outra volta de torca, que organizara Vertixe Sonora este domingo, 11 de xuño, ás 20 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo. Xunto ao COAG outras entidades colaboradoras son a Sociedad Internacional de Música Contemporánea (ISCM) –da que Vertixe Sonora é a delegación española–, Deputación de Pontevedra, Ministerio de Cultura y Deportes e o Concello de Vigo. O concerto oficial celebrarase o vindeiro xoves, día 15, ás 19:30h no marco da sexta edición do Festival VANG de músicas en vangarda no CentroCentro, en Madrid.
Esta preestrea no COAG Vigo, que tamén serve de antesala do Festival de Creación Contemporánea VERTIXE 11, que organiza cada ano Vertixe Sonora en outono, será unha pequena cata de músicas que abren orellas para dar a coñecer músicas que transforman percepcións e alteran estados de conciencia. Segundo explica o director artístico de Vertixe Sonora, Ramón Souto, nos últimos anos a música contemporánea internacional ten vivido unha transformación tan profunda de procederes e estéticas, intereses orgánicos e motivacións tecnoloxías, que custa crer que se estea a falar do mesmo tipo de experiencia sensible capaz de acoller con semellante flexibilidade intervencións tan afastadas, cando non excluíntes. Esta proposta dá conta desa transformación en España confrontando a obra de dous mestres consolidados cunha música que sempre é un pracer volver a escoitar en directo, e coa voz fresca de dúas novas compositoras que se están a abrir camiño en Europa.
José Luís Torá interpretará a peza wq.132 à creux perdu (2017) con saxofón tenor preparado e amplificado; Alberto Bernal interpretará a serie de pezas (neo)liberal systems #2 «crescendo» (2019) para óboe, saxofón, viola, piano e electrónica en vivo; Esther Calderón tocará a obra Despertar en llamas* (2023) con óboe, saxofón, viola, piano, electrónica en vivo; e Pilar Miralles interpretará a peza Ya no siento el deslizamiento, los roces del tiempo* (2023) con luces parpadeantes, dúas radios, cinta, viola e piano.