Lembramos que o prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de novembro.
Após do éxito acadado nas tres primeiras edicións do Premio “Arquitectura para un mundo mellor”, impulsadas pola Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, esta cuarta edición convócase de novo en colaboración coa Comisión de Cultura do COAG, mantendo o seu alcance a todo o ámbito do territorio galego.
O premio, que será outorgado a un ou unha profesional, non arquitecto/a, asociacións, agrupacións ou organismos en recoñecemento ao seu traballo e á súa especial achega a unha «Arquitectura para un mundo mellor», quere facer un recoñecemento explícito a aqueles que nos acompañan neste complexo proceso de xeito excepcional reforzando ou engadindo valores profesionais, sociais ou culturais á tarefa da arquitectura.
Neste senso anímase a todas e todos os colexiados do COAG á presentación de candidaturas que consideren idóneas para optar a este Premio, tendo en consideración que a persoa proposta non deberá en calquera caso ser arquitecto/a, pero si o seu ámbito profesional ten que estar relacionado coa arquitectura, sendo especialmente valorable que a súa contribución á mesma se enmarque no espazo territorial da nosa Comunidade Autónoma.
As candidaturas recibidas serán avaliadas por un xurado de CINCO persoas colexiadas do COAG, dos cales DOUS serán membros da Xunta de Goberno, tentando que sexa o máis representativo posible do colectivo.
Para participar nesta 4ª convocatoria debe enviarse unha mensaxe de correo electrónico a mundomellor@coag.es. A mensaxe debe de acompañarse dunha carta motivando xustificadamente a candidatura da persoa proposta. Unha mesma candidatura pode vir proposta por varios colexiados sendo o número de avais, xunto á biografía do ou da candidata, outra das cuestións que serán tidas en conta na valoración das candidaturas presentadas.
O prazo para a presentación de candidaturas esténdese dende o 1 de novembro ata o 30 de novembro de 2025. Animádevos a participar!
* Os datos serán tratados unicamente coa finalidade de xestionar as candidaturas ao IV Premio Arquitectura para un Mundo Mellor. O tratamento dos datos ten a base na comunicación de estar interesado en participar no proceso e estes datos so se conservaran o tempo necesario e non serán cedidos a terceiros salvo obriga legal. Mais información sobre a nosa política de privacidade en https://portal.coag.es/aviso-legal/.
