DMA 2022 – Iniciativa “Coruñeando”: Ruta pola Pescadería e un paseo en bicicleta, VMP e patíns por Riazor e Orzán

3 Oct 2022

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos organiza dous novos paseos físicos e virtuais con motivo do Día Mundial da Arquitectura. Este ano a iniciativa “Coruñeando”, que cumpre a súa segunda edición, terá como novidade unha ruta pola Pescadería e un paseo en bicicleta, VMP e patíns por Riazor e Orzán.

As dúas xornadas serán de mañá, gratuítas, cunha duración de dúas horas e abertas á cidadanía para coñecer e valorar o patrimonio arquitectónico da cidade. A primeira delas será o sábado 8 de outubro ás 12 horas. Iniciarase no Mercado de San Agustín e percorrerá a Pescadería, especialmente a rúa de San Andrés centrándose en edificios con valor artístico como La Llave, a Casa Formoso, a Casa Solla, o edificio de Bouret, a Casa de los Elefantes na rúa do Orzán e varios edificios da rúa Galera. Será un paseo a pé, onde membros da delegación coruñesa do COAG xunto con colaboradores explicarán como se articulou este barrio e como se produciu o tránsito do Modernismo ao Racionalismo na cidade da Coruña.

A segunda ruta, cun carácter experimental, fusiona a arquitectura coa mobilidade e relacionando diversas formas de desprazamento coa visita a arquitecturas contemporáneas, situadas un pouco máis distantes entre si, pero cunha historia fascinante. Iniciarase o domingo, 9 de outubro, ás 12 horas, no Muncyt e pasará polo Conservatorio Superior de Música, o Palacio dos Deportes, Villa Molina e a Casa do Sol, terminando na Domus. O paseo realizarase en bicicleta, patinete e patín, aínda que como o ritmo será cómodo tamén se poderá facer andando. Con esta ruta quérese poñer en valor a arquitectura contemporánea e o labor integrador dalgún destes edificios en barrios como Agra do Orzán, Labañou e Montealto, ademais de explicar a odisea construtiva da cuberta do Palacio dos Deportes ou a singularidade de Villa Molina como parte das vivendas de Cidade Xardín.

Os mapas e descricións das rutas estarán na web divulgativa da arquitectura coruñesa https://coruneando.com/, que ten como obxectivo que cidadáns e visitantes poidan facelos en calquera momento descargando o mapa no seu teléfono móbil, xa que conta coa xeolocalización dos edificios e o link á información de cada un.

Coruñeando é unha iniciativa da Delegación da Coruña do COAG e as xornalistas coruñesas Montse Barba e Arantxa Freire que pretende divulgar o patrimonio arquitectónico da cidade a través de visitas guiadas, tanto físicas como virtuais. O proxecto iniciouse coa construción dunha web (https://coruneando.com/) en 2021 e conta xa con dúas rutas iniciais polo Ensanche e polo centro dos Cantóns e a Marina. Con estas dúas novas rutas serían catro os paseos descargables.

Cada un dos edificios conta cunha ficha virtual coa historia do edificio, o contexto no que foi creado e os arquitectos que o crearon, así como fotos realizadas polo fotógrafo Mario Entero. Como di na web: “O proxecto quere propiciar o debate entre coruñeses e visitantes sobre a cidade que queren e destacar algunhas das súas obras arquitectónicas. Levantar a vista cara aqueles lugares polos que se pasou mil veces, para deterse e aprecialos mellor. Porque para amar e protexer algo é necesario coñecer o seu valor”.

    Paseo pola Pescaría                                                                                 Paseo polo Paseo Marítimo

Ambolos dous Paseos tamén se levarán a cabo de xeito presencial nas seguintes datas, ás que estades todos e todas convidados/as, cun certo carácter experimental no roteiro do domingo, que permitirá -ao transcorrer polo Paseo Marítimo- o desplazamento noutros medios de locomoción tales como bicicleta, patíns ou VMP.

  • Sábado 8 de outubro: saída desde o Mercado de San Agustín, ás 12.00 h. Peonil. (duración 1,5 h.)
    Mercado de San Agustín-Casa dos Elefantes-Galera 8-Edificio Soto-San Andrés 69-71-Casa Solla-Edificio La Llave-Casa Formoso
  • Domingo 9 de outubro: saída desde o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, ás 12.00 h. Bicicleta, patíns, VMP e (peonil). (duración 1,5 h.)
    (Ágora-Conservatorio, non incluidos no roteiro por seguridade no desplazamento)-MUNCyT-Pazo dos Deportes-Villa Molina-Casa del Sol-Domus.

As obras serán comentadas pola colexiada Nuria Prieto, membros da Directiva da Delegación e todos aqueles/as que queran aportar a súa visión sobre algún dos edificios.

Vos animamos a participar en calqueira dos roteiros e co medio de locomoción que consideredes o domingo, e brindar pola arquitectura ao final de ambos roteiros.

Compartir