O martes 11 de febreiro, ás 18:30 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: Arquitectura como escusa: axencia social, xustiza espacial e deseño rexenerativo que será impartida polo arquitecto Michael Smith-Masis, LF Harvard University, Director da Oficina Entre Nos Atelier Central e da Plataforma Xustiza Espacial.
Síntese
“O deseño e a arquitectura serven como catalizadores para ter axencia no medioambiente natural e construído. Arquitectura como escusa, comeza por cuestionar á sostibilidade como un principio insostible. Busca poñer en valor o pensamento integral e sensible cara os sistemas nos que vivimos, onde os enfoques transdisciplinares son fundamentais. Nese cruce entre disciplinas é onde a Xustiza espacial e o deseño rexenerativo serven como plataformas de abordaxe para traballar e promover contornas medioambientalmente máis xustas, rexenerativas e que dignifican a condición humana, representado nun corpo de traballo realizado nos últimos 15 anos.
Michael Smith-Masis
Arquitecto, Master en Deseño Ambiental Sostible pola Architectural Association de Londres (2008) e Loeb Fellow da Universidade de Harvard (2019). Director da Oficina Entre Nos Atelier Central e da Plataforma Xustiza Espacial. É profesor e investigador na Universidade de Costa Rica, Universidad Veritas, Tecnolóxico de Monterrey e da Universidade dos Andes.
A arquitectura de Michael Smith Masis en San José, Costa Rica, fomenta a participación, a colaboración, a cooperación e a propiedade dos residentes de baixos recursos, as comunidades rurais e indíxenas e os asentamentos informais; os verdadeiros protagonistas da cidade. Smith ten facilitado proxectos, dende vivendas até espazos públicos, guiado por principios de replicabilidade, eficiencia, funcionalidade, viabilidade e sostibilidade ambiental.
O seu traballo ten recibido importantes premios e distincións, entre eles o premio Arquitecturas Cívicas e Educativas 2022 na Primeira Bienal de Arquitectura Centroamericana na Cidade de Guatemala, o Premio CICA 2017 á Práctica de Novos Arquitectos e o Premio Internacional de Arquitectura 2015 na Bienal de Arquitectura de Buenos Aires. Tamén gañou o Gran Premio Bienal 2016 e o Premio Icomadera 2016 e 2014 na Bienal Internacional de Arquitectura de San José, Costa Rica, e o Premio Construción Sostible 2015 da Cámara Costarricense da Construción, entre outros. En 2007 gañou o Archiprix Internacional (2007) ao mellor proxecto de graduación do mundo en Shanghái, China.
En total, en 18 años de exercicio profesional, obtivo máis de 35 premios relevantes, contando no seu currículum con 70 publicacións e 300 conferencias, ademais de ter visitado máis de 25 paises para compartir o seu traballo. Recentemente foi preseleccionado pola revista Forbes como unha das 24 personalidades máis creativas da rexión centroamericana.
Máis información en: https://entrenosateliercentral.com/nosotros/
DATA:
Martes 11 de febreiro de 2025– 18:30 horas
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago