Comunicación do COAG sobre a “Casa Benedicto”

31 Oct 2025

A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, na súa sesión 21/2025 de 16 de outubro acordou actualizar a súa posición con respecto á conservación da “Casa Benedicto” no Concello de Navia de Suarna, a través dun escrito enviado a diversas administracións (Asociación Cultural Patrimonio Naviego, á Deputación de Lugo, ao Concello de Navia de Suarna e á Dirección xeral de Patrimonio Cultural) en coherencia co acordo xa adoptado na sesión 10/2017 celebrada o 28 de setembro de 2017 en Santiago de Compostela.

O Colexio, consciente das novas informacións sobre a intención do Concello para proceder á demolición do edificio coa finalidade de ampliar a praza principal da vila, manifesta a súa preocupación ante esta posibilidade e solicita reconsiderar esta actuación.

O COAG entende que existen alternativas máis axeitadas, viables e sostibles que permitirían acadar os mesmos obxectivos de mellora urbana sen renunciar á preservación dun ben de significativo valor patrimonial e arquitectónico.

A memoria dos espazos está formada polos usos e costumes desenvolvidos no mesmo en base ás arquitecturas que o conforman. A “destrución” dunha arquitectura singular e identitaria como “Casa Benedicto” impactaría de xeito substancial no patrimonio inmaterial e material de vila e polo tanto nun recurso tractor de desenvolvemento turístico e cultural unicamente para gañar un espazo de uso rodado do que non existe un plan que xustifique unha necesidade obxectiva e real (en base a carga de tráfico ou accesibilidade de vehículos de emerxencias). Neste sentido cabe recordar o obxectivo fundamental da Axenda Urbana Española no eido da rehabilitación “ transformar os entornos urbanos en lugares máis sostibles, inclusivos, resilientes e accesibles”.

A historia dos nosos pobos está chea de elementos exentos e diferenciais que, por contra ao que se poida pensar, son os que dan carácter á paisaxe urbana, a súa supresión termina por descaracterizar e homoxeneizar as escena urbanas históricas. Un exemplo cercano temporal e xeograficamente a acción “Limpeza” das arquitecturas encostadas na muralla de Lugo acometida ate 1973 polo mestre restaurador Pons Sorolla non sería acometida e promovida nin sequera por el mesmo, pois o, en aparencia discordante dalgunhas arquitecturas diversas, son os obxectos que retratan os diferentes valores da secuencia dos tempos. O Colexio de Arquitectos de Galicia hoxe abunda na crenza de que a diversidade dos tecidos e o respecto pola singularidade de determinados bens é unha sorte e non un peso.

Como xa se citou na declaración anterior da Xunta de Goberno do COAG (2017), a Casa Benedicto representa unha singular mostra da arquitectura modernista nos Ancares, cunha presenza destacada no centro da vila e unha relación harmónica coa Ponte Vella e o Castelo, configurando un conxunto de gran valor paisaxístico e histórico. A súa conservación contribuiría á identidade e atractivo do núcleo histórico, reforzando o seu carácter e autenticidade evitando como citamos unha homoxeneización con outras vilas que xa non teñen a oportunidade de voltar atrás.

Non se trata de procurar usos forzados a estes edificios parte da nosa historia urbana, senón de desenvolver un uso axeitado á súa escala mediante unha posta en valor sostible e inclusiva (punto de información turística, centro de interpretación, local para colectivos sociais e culturais da vila…).

Navia de Suarna é un concello de grande valor xeolóxico e histórico dentro da Reserva da Biosfera dos Ancares e do Espazo Natural Protexido Ancares-O Courel, recoñecido pola UNESCO. Ás normas e protocolos de protección e regulación deste espazo que afectan ao día a día da veciñanza (nos usos, ocupación e actividade económica no territorio) é necesario que se acompañe de pedagoxía e boas prácticas por parte das administracións públicas sendo a pretensión de extinción desta arquitectura histórica o exemplo contrario da finalidade última de preservar e protexer estes territorios de maneira integral (patrimonio natural e patrimonio cultural material e inmaterial) por parte das administracións públicas e da veciñanza.

Por outra banda, o Colexio de Arquitectos quere destacar a necesidade de que as estratexias de desenvolvemento e transformación do espazo público das vilas e concellos de España deben estar aliñadas coas directrices europeas e estatais que contemplan os procesos participativos e de consulta como parte imprescindible de ditas estratexias (véxase os PMUS, a Axenda Local 2030 ou a Axenda Urbana). A día de hoxe non consta o pronunciamento e valoración da veciñanza sobre a ampliación da praza mediante a eliminación dunha construción histórica e cultural.

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia pon á disposición do Concello e das administracións competentes a súa colaboración técnica e institucional para explorar solucións alternativas, eficientes e quen ofrezan solucións a problemática real dese espazo (necesidade de humanización accesible e sostible) que compatibilicen a mellora urbana coa conservación dos elementos arquitectónicos.

Con esta comunicación, a Xunta de Goberno do COAG renova o seu compromiso coa defensa dos valores arquitectónicos e culturais de Galicia, e solicita ás administracións implicadas o seu apoio e sensibilidade para garantir a protección e posta en valor deste ben singular.

A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Compartir