Contestación do IGVS á consulta sobre o cambio de uso de locais a vivenda

17 Mar 2026

Polo interese para a profesión, acompáñase contestación do Instituto Galego da Vivenda e Solo á consulta realizada polo Colexio, a petición da Delegación de Ourense, sobre o cambio de uso de locais a vivenda, co seguinte texto:

O PXOM de Ourense non contempla o acceso directo desde a rúa a vivendas multifamiliares, polo que, para implementar vivendas en planta baixa, deberá contarse cun acceso a través do portal (novo ou existente), que cumprirá ademais do regulado nas NHV, o disposto no plan.

Así, desde o concello interpretan que nos cambios de uso de locais a vivenda se acceda a estas desde un portal (aínda que a maiores tamén se poida acceder desde a vía pública).

Neste sentido, entendemos que a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas recolle varias medidas para facer fronte á emerxencia habitacional, pois a baixa oferta de vivenda no mercado require medidas a longo e medio prazo, pero tamén algunhas outras que axuden aos novos fogares a atopar refuxio canto antes.

En dar solucións a este curto prazo, enmárcase a Subsección 4ª. Medidas para incrementar a dispoñibilidade de edificacións con destino a vivenda e, en concreto, o Artigo 76. Cambio de uso de locais a vivenda, que nos ocupa. A súa aplicación é directa a todos os concellos e parte da súa redacción pretende eliminar as trabas que algúns plans puidesen conter en relación a realizar os cambios de uso con inmediatez.

Así, por exemplo, elimina a posible reserva de prazas de aparcamento que puidese prever o plan para estes casos, pois é máis importante dar facilidades á creación de novas vivendas que dispoñer de praza.

Neste sentido cabe interpretar a letra b) As novas vivendas poderán ter o seu acceso directamente á vía pública. Cuxa redacción, inequívoca, elimina a obrigación de que a esas novas vivendas téñase que acceder a través de portais ou outros espazos comúns de comunicación do edificio, podendo realizarse única e directamente desde a vía pública. E a lei está por encima do plan.

É correcta esta interpretación da letra b) no caso de que o concello non adoptase acordo relativo á súa non aplicación?

E a resposta do IGVS, en resumo, ven a dicir:

En atención ao exposto, o acceso ás vivendas resultantes do cambio de uso de locais a vivenda regulado no artigo 76 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, poderá realizarse única e directamente desde a vía pública, con independencia do que estableza o planeamento urbanístico de Ourense.

Pode consultarse a resposta completa do IGVS neste ENLACE.

Compartir