A orixe deste procedemento xudicial atópase no recurso presentado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais contra a licenza concedida polo Concello de Santiago de Compostela para un edificio comercial que incluía unha unidade de subministración de carburante, cun proxecto redactado por una Arquitecta (colexiada COAG) e Enxeñeiro Técnico Industrial. O Colexio de Enxeñeiros Industriais presentou recurso contencioso administrativo argumentando que os Arquitectos non teñen competencias porque se trata de instalacións industriais nin tampouco os Enxeñeiros Técnicos Industriais.
Nin en vía administrativa nin durante a primeira instancia procesal emprazouse ao COAG como interesado, polo que o COAG non tivo coñecemento do asunto. Tras a sentenza de primeira instancia, unha colexiada infomou ao COAG da cuestión. Como consecuencia diso, a Xunta de Goberno do COAG decidiu comparecer como interesado no procedemento xudicial e presentar recurso de apelación.
Desestimado o recurso de apelación do COAG mediante a Sentenza 380/2023, do 29 de setembro, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Xunta de Goberno do COAG acordou presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.