Conferencia-coloquio con David Chipperfield, Premio Pritzker 2023

2 Nov 2023

O arquitecto David Chipperfield, gañador do Premio Pritzker de Arquitectura 2023, manterá un encontro aberto coa cidadanía que se desenvolverá no Centro Galego de Arte Contemporánea, o 8 de novembro ás 19.00 horas. O evento é de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.

No coloquio que servirá de peche para a sesión, participarán Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC; a arquitecta Carolyn Steel; Luciano Alfaya, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia; e Luz Paz Agras, profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

O Premio Pritzker, considerado popularmente como o Nobel da arquitectura, distinguiu a Chipperfield «polo seu compromiso cunha arquitectura de presenza cívica sobria pero transformadora e a definición —mesmo a través de encargos privados— do espazo público, desenvolvida sempre con austeridade, evitando movementos innecesarios e afastándose de tendencias e modas, o cal é unha mensaxe de gran relevancia para a nosa sociedade contemporánea. Tal capacidade de destilar e realizar operacións de deseño meditadas achega unha dimensión da sustentabilidade que non foi obvia nos últimos anos: a sustentabilidade como pertinencia non só elimina o superfluo, senón que tamén é o primeiro paso para crear estruturas capaces de durar, física e culturalmente”.

Chipperfield mantén un estreito vínculo con Galicia a través da Fundación RIA, iniciativa filantrópica que busca conectar retos globais con contornas concretas, establecendo vínculos entre os axentes públicos e privados necesarios para a execución de proxectos aliñados coa sustentabilidade ambiental, económica e social do territorio.

FONTE: USC.

Compartir