O vindeiro día 8 de outubro terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela esta xornada, organizada pola súa Sección de Creación de Artes Visuais Contemporáneas.
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega vén apostando polo diálogo interdisciplinar nun ciclo nomeado «Entre… e a arte» que xa abordou os vínculos entre a arte e o pensamento e a arte e a comunicación. As Matemáticas e a Arte centran esta nova xornada que conta coa intervención de tres relevantes especialistas: Raúl Ibáñez, profesor de Matemáticas na UPV/EHU; José María Yturralde, pintor, e Ignacio Gómez de Liaño, filósofo, poeta e profesor, que analizarán, dende a óptica das matemáticas, o papel que está desempeñando esta ciencia básica na arte contemporánea.
Se ben é certo que as matemáticas estiveron relacionadas coa arte dende a Antigüidade, fixérono en gran medida como «ferramenta de cálculo». Non obstante, coa chegada da arte abstracta a comezos do século XX, a ciencia das matemáticas comezou a desempeñar un papel cada vez máis importante en dúas dimensións distintas á anterior: como fonte de inspiración e como ferramenta no proceso creativo do artista. En relación con esta última, Kandinsky xa propuxo unha arte na cal as matemáticas substituían a imaxinación. Deste xeito, a través de exemplos concretos de artistas como Mel Boechner, Max Bill, Richard Lohse, José María Yturralde, Mario Merz ou Esther Ferrer, entre outros, poderanse ver, como elementos matemáticos, o infinito, o número pi, a sucesión de Fibonacci, os números primos, a combinatoria, a teoría de nós, a banda de Moebius, os crebacabezas xeométricos, as ecuacións matemáticas, o teorema de Pitágoras ou mesmo a cuarta dimensión.
A inscrición é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala (100 persoas)