Proxecto Terra- Seminario Xentes, Espazos e Lugares «A construción colectiva do habitar»

4 Nov 2022

Desde o ProxectoTERRA dámosvos a benvida á 2ª edición do seminario Xentes Espazos e Lugares. Grazas ao convenio de colaboración entre o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda e máis a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, o ProxectoTERRA dá continuidade por medio destas tres xornadas ao seu programa cultural Xentes Espazos e Lugares, iniciado no ano 2008 na cidade de Vigo.

Xentes, Espazos e Lugares enmárcase na procura dun punto de encontro no que poidan estar presentes os organismos, institucións, comunidades, asociacións, colectivos e persoas que compartan a preocupación e o compromiso pola mellora da nosa calidade de vida e dos nosos espazos vitais. Un espazo e un tempo para compartir, para a aprendizaxe colectiva, de posta en común de reflexións críticas e propositivas, plurais e diversas, xeradas desde o compromiso co coñecemento en torno a como foi e como é a nosa interacción cos territorios que ocupamos e cos lugares que habitamos, para a nosa vida individual e en comunidade.

Este seminario busca continuar co programa de formación continua da cidadanía co obxectivo de presentar as reflexións multidisciplinares sobre os lugares que habitamos, cuestión que se considera esencial para acadar unha mellor implicación da sociedade na calidade da construción dos espazos que habitamos ao servizo dunha mellor calidade de vida, incidindo nun mellor coñecemento e respecto da nosa ordenación urbanística.

Queremos achegar á cidadanía e ao propio COAG unha reflexión sobre as formas de habitar o noso territorio, incorporando miradas e situacións diversas para abordar a temática de habitar desde o colectivo. Esta idea parte de diferentes necesidades detectadas no afrontamento, desde o contexto da crise ecosocial actual, da situación do habitar nos nosos lugares e espazos.

Ao longo das tres xornadas que conformarán este seminario contarase con experiencias inspiradoras e innovadoras, que porán sobre a mesa as diferentes miradas e críticas á situación actual e o modelo social que define os xeitos de habitar.

Presentaranse exemplos que nos permitan proxectar as comunidades habitacionais do presente e do futuro, que afronten as diversas crises económicas e sociais actuais e que presenten solucións que poñan o coidado das persoas no centro do noso ollar.

PROGRAMA:

  • 10 de novembro, 18:00h
    Sesión 1. Situación actual, análise e crítica
    Ergosfera, Cristina Botana e Rurban
  • 17 de novembro, 18:00h
    Sesión 2. Modelos alternativos no rural
    Outonía S.Coop.Gal, Pedro de Llano e Arqueixal Ecoturismo
  • 24 de novembro, 18:00h
    Sesión 3. Modelos alternativos para habitar en colectividade
    Arquitectura Sen Fronteiras, Larlilás e La Morada Coop.

Emisión desde o Museo de Belas Artes da Coruña da 1ª xornada do seminario Xentes Espazos e Lugares do ProxectoTERRA. A construción colectiva do Habitar. Situación actual, análise e crítica, coas conferencias de Ergosfera, Cristina Botana e Rurban – ENLACE.

A emisión do día 17 de novembro poderá seguirse a través do seguinte ENLACE.

 

Debe aceptar as cookies de YouTube para ver este video.
Aceptando, vostede accederá ao contido de YouTube, un servizo prestado por unha empresa externa.

Política de privacidade de YouTube

Si vostede acepta, a súa eleccción será gardada e a páxina se refrescará.

Compartir