Carme Pinós, galardoada co Premio Nacional de Arquitectura 2021.

10 Dec 2021

O xurado do Premio Nacional de Arquitectura 2021, promovido polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, concedeu esta distinción á arquitecta Carme Pinós. Trátase do máximo galardón outorgado en España no campo da arquitectura. A candidatura da arquitecta, a proposta da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, a Fundación Arquia, a E. T.S.A. de Valencia e o Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) (sendo proposta entre outros Colexios polo COAG), foi a elixida polo xurado convocado o pasado 30 de novembro.

Este premio, que ten máis de noventa anos de historia, ten como finalidade render testemuño de admiración a unha persoa física ou entidade con personalidade xurídica que, co seu traballo ou co conxunto da súa obra, contribúa ou contribuíse de forma extraordinaria ao enriquecemento dos aspectos sociais, tecnolóxicos e sostibles da Arquitectura ou o Urbanismo español dentro e fóra das fronteiras españolas.
O Premio Nacional de Arquitectura, dotado con 60.000 euros, é concedido a proposta dun xurado composto por destacados profesionais, baixo a presidencia honorífica da titular do Departamento, Raquel Sánchez.
Ao propoñer o premio a Carme Pinós, o xurado destaca especialmente a solidez da súa traxectoria, sendo á vez prolífica e de excelencia, impregnada sempre por unha gran potencia creadora. Un proceso creativo que percorre toda a obra arquitectónica, culminando cunha sobresaliente execución do proxectado.
O xurado salienta a responsabilidade social e a sustentabilidade perseguida nos seus proxectos e fai mención así mesmo á súa transversalidade como profesional, promovendo o diálogo da arquitectura con outras disciplinas e demostrando unha gran capacidade divulgativa tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

 

 

Compartir