Libro de Ordes en formato Web [aplicación BETA]
Presentación
Presentamos o novo Libro de ordes e asistencias que substituirá ó actualmente vixente no COAG.
Trátase dun novo formato dixital, coordinado polo CSCAE, que reúne tódolos requisitos de validez legal incorporando unha serie de características que o fan máis útil e axil.
Requisitos
O único requisito requirido é a instalación e alta na plataforma LO_D CSCAE, xa que a sinatura pode ser tanto mediante certificado como hológrafa (e-lapis, dedo ou rato). A LO_D CSCAE está aberta ós Directores de obra, Directores da execución da obra, Construtores e mesmo Coordinadores de seguridade e saúde, mais a simple asignación de correos electrónicos chega para a validación de recepcións de ordes.
Características
A aplicación LO_D CSCAE é multiplataforma (PC, Android, IOS) e podémola ter instalada en diversos dispositivos, pois trátanse de libros na nube, en servidores propios da organización colexial, se ben, ante a falla de cobertura, podemos facer un gardado provisional no dispositivo.
O LO_D CSCAE permite así xestionar tódolos libros de ordes de xeito axil e intuitivo.
Como gran vantaxe na levanza dos libros ofrece a posibilidade de completar as ordes con arquivos gráficos (fotografías, planos, esquemas, detalles…). Dada unha orde, esta componse dando como saída un arquivo PDF, facilitando así a súa lectura e comunicación.
Nos avisos mediante correo electrónico dunha nova orde, xúntase a orde en PDF.
Altas no sistema
Os arquitectos dámonos de alta na LO_D CSCAE mediante o noso número de colexiado CSCAE (dispoñible na páxina do Consello) e mailo DNI.
Os outros axentes danse de alta na LO_D CSCAE mediante invitación dun arquitecto ó incluilos nun Libro de ordes e asistencias.
Versión beta e Período transitorio
A plataforma LO_D CSCAE que ofrecemos é totalmente funcional, está xa probada e se emiten libros oficiais. Polo tanto, non estamos en probas, senón en atenta implantación.
Aínda que o seu manexo é sinxelo e intuitivo, cómpre ter cautela ó implantar o LO_D na realidade, de aí que falemos de versión beta, pois debemos ter en conta a curva de aprendizaxe e maila demanda de atención por parte dos colexiados que ha xurdir.
Vémonos así nun período transitorio no que convivirán o coñecido formato pdf COAG e este LO_D CSCAE, podendo o colexiado, para cada obra que comece, elixir entre un e outro.
Tramitación de solicitudes e entregas
A tramitación de solicitude e entrega dos Libros de ordes e asistencias non se verá modificada por este sistema de levanza dos libros. No LO_D entregarase o seu pdf final, unha vez pechado o libro.
Descargas
Versión PC (Android e IOS desde o dispositivo móbil)
Nota xurídica do CSCAE sobre a validez do LO_D
Condicións
No período transitorio para a implantación real da plataforma LO_D CSCAE pódense dar certas fallas no sistema coas conseguintes molestias para os usuarios. Estas posibles fallas, que o COAG tentará resolver á maior brevidade, non se considerarán incumprimento de servizo.
O Colexio agradece o esforzo e paciencia dos usuarios deste novo LO_D no seu período de implantación e prégalles desculpas polas posibles fallas que poidan xurdir.
A solicitude e emprego de LO_D implica a aceptación do informado nos apartados precedentes e neste apartado de condicións.