Colaboracións

Coa fin de mellorar a calidade dos concursos de arquitectura en Galicia, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ofrecese a colaborar ou a xestionar parcial ou totalmente concursos de ideas (denominados pola Lei de Contratos do Sector Público, concursos de proxectos) para todas as entidades públicas ou privadas que teñen interese en convocalos. Neste sentido, a colaboración pode ir desde unha simple asesoría, ata a redacción dos pregos administrativos e técnicos, difusión da convocatoria, organización do Xurado, Secretaría do Concurso, publicacións, exposición dos traballos, conferencias do equipo gañador, debates abertos do xurado, xestión integral dun concurso, etc.

Neste tipo de concursos os participantes presentan as súas propostas de modo anónimo e un xurado cualificado elixe a que a seu xuízo técnico é mellor, baseándose exclusivamente na súa calidade arquitectónica e urbanística. Por iso, é un procedemento que aporta unha serie de vantaxes. Moitos dos mellores edificios e actuacións urbanísticas que coñecemos xurdiron de concursos de ideas, que son o marco no que a arquitectura e o urbanismo son máis valorados por si mesmos, sen influencia doutras cuestións. Son procedementos que supoñen a apertura a talentos descoñecidos polo promotor ademais de ser sempre acontecementos profesionais aos que concorren gran cantidade de profesionais cualificados, que ven neste procedemento a oportunidade de apostar por unha arquitectura e/ou urbanismo de calidade e culturalmente comprometidos. Ademais, os concursos de ideas e os seus resultados adoitan ser obxecto da atención social a través dos medios de comunicación e frecuente obxecto de debate; polo tanto, son moi adecuados para actuacións de gran relevancia social, por canto se integra o debate no proceso e contase cun grado de transparencia máximo nas decisións.

O Colexio de Arquitectos ofrece unha colaboración para as convocatorias de concursos con diferentes grados de implicación.

Relación de concursos de elaboración propia do Colexio.

Diferentes modalidades de colaboración

Para mais información pode contactar coa oficina de concursos na dirección:
concursos@colexiodearquitectos.org